TANXUGUEIRAS: PALABRA DO ANO 2021
O topónimo Tanxugueira popularizado pola banda musical designa unhas terras da parroquia de Fumaces, no concello de Riós (Ourense), situadas nun alto e abeiradas. No territorio galego hai outro lugares co mesmo nome nos concellos de Catoira (Pontevedra), Dodro (A Coruña) e, de volta na provincia de Ourense, en Viana do Bolo. O vocábulo é unha alteración da forma etimolóxica Teixugueira, un zootopónimo común no país que sinala os sitios onde hai presenza ou abundancia de teixugos ou porco teixos , un tipo de mamífero de vida nocturna que se alimenta de bichocas, landras e plantas coma a do millo, polo que nalgúns lugares de Galicia se tocaba o corno polas noites para espantalo. Esta voz popular remite probablemente ao latín taxo, taxonis , o nome latino que recibía o ‘teixugo’, aínda que podería vir tamén dunha suposta forma xermánica *thahsus ou do gótico *thahsuks.