NÓS:PALABRA DO ANO
Nin pandemia nin ningún dos outros tres termos finalistas relacionados con ela.
Nós foi proclamada Palabra do Ano 2020 polas persoas que participaron ata o pasado 25 de decembro na elección popular promovida polo Portal das Palabras, a páxina web para a divulgación do léxico galego da Real Academia Galega e a Fundación Barrié.
A voz gañadora salienta algo bo dun ano ben complicado, a celebración do centenario da xeración Nós, e olla cara ao futuro con optimismo porque nos lembra tamén que saírmos da crise global provocada polo SARS-CoV-2 depende da primeira persoa do plural máis absoluta, xusto nun momento en que cobra forza outra das palabras finalistas cuxo éxito dependerá da implicación de todas e todos nós: vacina.