A Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) organiza hoxe, coincidindo coa data do seu nacemento, unha lectura simultánea de textos de Rosalía de Castro en oito vilas e cidades galegas para pedir o recoñecemento oficial da obra da poetisa e a súa transmisión didáctica ás novas xeracións. Solicitarase tamén que o Día de Rosalía pase a formar parte do calendario escolar, para que con ese motivo todos os centros escolares promovan actividades didácticas que actualicen e dean difusión ao seu pensamento. NEGRA SOMBRA Cando penso que te fuches, negra sombra que me asombras, ó pé dos meus cabezales tornas facéndome mofa. Cando maxino que es ida, no mesmo sol te me amostras, i eres a estrela que brila, i eres o vento que zoa. Si cantan, es ti que cantas, si choran, es ti que choras, i es o marmurio do río i es a noite i es a aurora. En todo estás e ti es todo, pra min i en min mesma moras, nin me abandonarás nunca, sombra que sempre me asombras. (Rosalía d